3 dic 2013

ANOVA – MEAÑO SOLICITA O ACONDICIONAMENTO DA FONTE “DAS SEIS” E DO SEU ENTORNO.

Critican o seu abandono e falta de limpeza e solicitan a instalación dun pasamáns para as escaleiras de acceso, é a dotación de iluminación e papeleiras para o entorno. A Fonte coñecida co nome “Das Seis” está situada no lugar de Ganón no linde entre as parroquias de Xil e Dena. Este manantial é un dos máis importantes de Meaño, sendo utilizado por moitos veciños, é incluso por persoas dos Concellos limítrofes para abastecerse de auga. As súas augas están calificadas como aptas para o uso nas analíticas que fai períodicamente o Concello de Meaño. A pesares deste uso diario, dende a Agrupación local de ANOVA Meaño comprobamos como tanto a propia fonte como o seu entorno atópanse bastante abandonados, faltos de limpeza e, por riba, carecen de determinados elementos que contribuirían a facilitar o acceso a mesma e recoller a auga en mellores condicións. De feito podemos observar como nos seus arredores hai restos de lixo tirados (bolsas, botellas ou tapas…) e non existe nin unha soa papeleira ou contenedor para o lixo. Tampouco conta con ningún tipo de iluminación ou sinalización pública. Finalmente queremos advertir da falta de pasamans nas escaleiras da propia fonte, cuestión que dificulta o acceso a mesma de persoas con problemas de accesibilidade (de feito xa ten caído algunha persoa ao esvarar nas escaleiras por estar molladas). E por todo isto polo que dende ANOVA – Meaño diriximos un escrito ao Concello de Meaño para que se tomen medidas para correxir estas deficiencias. Concretamente solicitamos: o Dotar de pasamans as escaleiras de acceso a Fonte. o Proceder de xeito periódico a realizar unha limpeza da Fonte e do seu entorno o Dotala de iluminación pública e sinalización visible o Instalar no seu entorno algunha papeleira ou contenedor de lixo.

21 nov 2013

A xestión de Núñez Feijóo fai que Galiza perda autonomía financeira

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez, denunciou o espectacular incremento da débeda autonómica dende que Alberto Núñez Feijoo chegou á presidencia da Xunta de Galicia, que provocou o conseguinte incremento do custe anual do servizo da débeda aos galegos e galegas que ten consecuencias sobre a redución do gasto non financeiro e sobre a perda de autonomía financeira de Galiza, todo o contrario do que presume o Partido Popular.
No proxecto de Orzamentos da Xunta para o 2014, en trámite, o importe do total de operacións correntes (capítulos I ao V) : é de 7.213,8 millóns de euros e a suma de amortización capital e gastos financeiros da sección 22 (custo servizo débeda) é de 2.071,1 millóns de euros, polo cal a porcentaxe de custo da débeda sobre as operación correntes é de 28,71%, superior, por tanto, ao límite máximo do 25% que determina o art. 30.2 do DL 1/1999, Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (*)
O límite do 25% sobre os ingresos correntes sería de 1.803,5 millóns de euros, polo cal os Orzamentos excédense na sección 22 (custo do servizo da débeda) en 267,6 millóns de euros sobre o límite normativo que fixa a lexislación autonómica.
O incremento do custo do servizo da débeda (que case duplica ao do exercicio 2013) está causado tanto polo incremento dos gastos financeiros como, moi especialmente, polo incremento do endebedamento neto (que medra 115 millóns respecto do 2013, un 18% mais).
Consecuencia de dito incumprimento é que no 2014 todas as emisións de débeda da Xunta deben ser previamente autorizadas polo Estado (**).
Para Alternativa Galega de Esquerda resulta sorprendente ao respecto que nin na Memoria dos Orzamentos nin no Informe Económico-Financieiro se conteña a máis mínima referencia ao incumprimento do límite máximo do 25% que fixa a normativa autonómica de réxime económico-financieiro nin ao feito de como consecuencia de dito incumprimento as emisións de débeda da Xunta teñan que ser previamente autorizadas polo Estado.
“Pese a que o señor Nuñez Feijoo presume de non ter que recorrer ao Fondo de Liquidez Autonómico, por unha suposta solvencia da Xunta de Galicia, e que con iso nos financiamos máis barato, a realidade é ben distinta á que nos pinta un presidente demasiado acostumado a mentir” declarou o deputado Antón Sánchez.
O Consello de Ministros do pasado 31 de outubro acordou autorizar á Xunta a formalizar préstamos a longo prazo (podes comprobar no enlace) en moeda distinta do euro e emitir débeda pública por importe de 257.588.000 €. Ditas operación de endebedamento teñen por finalidade o financiamento do déficit orzamentario do exercicio 2013, acordado no Consello de Política Fiscal e Financeira do pasado 31 de xullo.
No DOG de hoxe publícase as condicións de dita emisión, a un tipo de interese do 2,75%(podes comprobar no enlace). Dito tipo de interese é superior ao tipo de interese da débeda equivalente do Estado (tipo de interese dos bonos do Estado a tres anos da última poxa : 2,064 %).
E non só iso senón tamén superior á emisión recente de débeda doutras comunidades autónomas, caso, por exemplo, da de Canarias, cun tipo de interese nominal fixo do 1,75%.(podes comprobar no enlace)
Por todo elo AGE, a través do seu deputado Antón Sánchez, rexistrou no Parlamento unha interpelación para que a Xunta de Galicia aclare a situación do financiamento da débeda e do seu custo. O goberno da Xunta debería explicar e xustificar como nunha situación de descenso dos tipos de interese do mercado da débeda pública nos Orzamentos do 2014 os gastos financeiros medran nun 18% respecto do 2013. “O interese do señor Feijoo de vender unha imaxe falsa da súa xestión económica pagámola todos e todas os galegos e galegas en forma de máis custo da débeda e menor gasto social” sinalou o deputado Antón Sánchez.
(*) O art. 30.2 do vixente Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en relación coa débeda, dispón que “A contía das anualidades de amortización, incluído capital e xuros, non poderá exceder do 25% dos ingresos correntes previstos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma en cada ano”.
(**) A Disposición Transitoria Terceira da LO 2/2012, de estabilidade orzamentaria habilita temporalmente (ata 2020) a non aplicación do límite do 25% fixado no art. 14.2 da LOFCA, pero requerindo para elo a concurrencia de circunstancias económicas extraordinarias e que o seu obxectivo sexa a cobertura dos servizos públicos fundamentais e precisando, ademáis, que nese suposto as operación de débeda deben ser previamente autorizadas polo Estado.

18 nov 2013

PARADE!!!

“Nenos, nenas…XOGADE!” Cantas veces temos escoitado esa frase, ou algo similar, na nosa infancia. O deporte é algo fundamental na nosa vida, nos acompaña dende cativos que é cando estamos máis activos e sempre vai ligado a nós como un método san e beneficioso pra a nosa saúde, autoestima, desenrolo social,… Na escola foméntano en forma de asinatura, Educación Física, no cal nos instrúen na práctica de diversas disciplinas (fútbol, baloncesto, vollei, bádminton,…).

Nestes tempos que nos toca vivir, todo semella que é ao contrario; unha nova medida tomada pola Xunta, gobernada por un PP tiránico e incompetente, obriga á paralización de toda actividade futbolística das categorías base (adestramentos e competicións dende cadetes ata prebenxamíns). A razón é a prórroga do seguro médico deportivo do PROGRAMA XOGADE (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), impedindo a práctica do fútbol ao arriscar aos clubs a correr eles cos altos gastos médicos dos seus xogadores no caso de se mancar. O devandito programa naceu pra apoiar aos equipos en categorías base de distintas modalidades deportivas pra cubrir o pago da mutualidade, o que supón un alivio pra a economía de moitos clubs; sempre houbo a ameaza durante varias tempadas de que esta axuda desaparecería, e semella que desta vez cumpriuse. Analizando a situación, as consecuencias directas, serían as seguintes: os xogadores con ficha en vigor do ano anterior teñen a asistencia médica cuberta ata decembro, ao estar contratado un ano natural grazas á tempada pasada, o problema radica nos novos xogadores, eles son quenes non terían ningún dereito ao retirárselle automáticamente o seguro.

Esta decisión afectará a milleiros e milleiros de menores galegos que comezaban con toda a ilusión do mundo esta tempada, e que de noite pra mañá poderían verse sen equipo, e o máis preocupante, os gastos dos pais e nais e principalmente dos equipos que xa están realizados.

A Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte, sendo cómplice das prácticas recortantes provintes de Madrid, non está apoiando á realización do deporte en xeral a todos os niveis, menosprezando disciplinas frente a outras, favorecendo uns equipos frente a outros, mantendo cargos, exercendo o enchufismo “por doquier”, as taxas abusivas das federacións, os prezos das entradas aos ximnasios,… Acaso alguén pensa que é unha boa xestión do deporte? Isto traerá consecuencias nas persoas de non favorecer á súa práctica: fomento do sedentarismo, enfermidades cardiovasculares, baixa autoestima, depresión, problemas para durmir, sensación de cansancio, problemas de relacións sociais, obesidade,…

A práctica do deporte non pode faltar nas nosas vidas e dende cativos haina que fomentar. É un deber da sociedade pra ter un futuro san.

15 nov 2013

Anova apoia as concentracións contra a sentenza do Prestige: NUNCA MÁIS!

"Estamos ante unha absolución de toda responsabilidade á administración e ao poder político que contan cunha impunidade total para poder cometer o crime que queiran cometer deixando na máis absoluta indefensión aos cidadáns" - sinalou Xosé Manuel Beiras. Estamos ante unha sentenza absolutamente indecente, que chega despois de once anos dunha catástrofe ambiental de magnitudes inconmensurábeis e a xustiza non atopa responsábeis penais -nin ao parecer de ningún tipo- e como resultado tampouco responsabilidades subsidiarias dunha administración incompetente. Estamos ante unha grave inxustiza cometida pola propia administración de xustiza. 

Como dixo ao coñecer esta sentenza o Portavoz Nacional de ANOVA Xosé Manuel Beiras: "Parece que estamos ante unha catástrofe natural, unha sorte de imponderable desastre no canto dunha irresponsábel actuación dunha administración que como no caso recente do accidente de Angrois busca un chibo expiatorio no maquinista, cousa que neste caso nin sequera posto que exonera a todos os actores da máis mínima responsabilidade. Lembremos que daquela o vicepresidente Rajoy, hoxe presidente do Goberno Español é o principal responsábel, o famoso "señor de los hilillos" de plastilina, cando sobre as nosas costas ameazaba a máis enorme marea negra da nosa historia. Estamos ante unha absolución de toda responsabilidade á administración e ao poder político que contan cunha impunidade total para poder cometer o crime que queiran cometer deixando na máis absoluta indefensión aos cidadáns". Dende ANOVA entendemos que as forzas políticas e a cidadanía debemos nun xesto de dignidade apoiar o recurso desta sentenza en alzada para impedir que semellante crime quede impune.

Por iso, Anova apoia as concentracións que se celebran hoxe, venres 15 de novembro, en protesta contra a sentenza polo Prestige. Na Comarca do Salnes habera concentracións nos concellos de Vilagarcía e do Grove.

Porque hai que volver exercer a dignidade: NUNCA MÁIS!


30 oct 2013

AGE esixe que as escolas infantís pasen a ser “un servizo público, universal e gratuíto”

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Juan Fajardo, esixiu onte no pleno do Parlamento de Galicia que a Xunta inicie “os trámites necesarios para converter as escolas infantís nun servizo público universal e gratuíto”. Entrementres estes trámites non comezan, engadiu, “é imprescindíbel deixar sen efecto o artigo un do decreto 49/2012 e, así, conxelar os prezos para as familias das garderías”. Alternativa aceptou as emendas dos outros grupos da oposición –BNG e PSdeG- mais topou coa negativa do Partido Popular, sempre ao servizo dos ricos e das clases altas ás que tan ben representan. Para o PP de Feijóo, a igualdade de oportunidades e os servizos públicos básicos son o inimigo.

“Os salarios decrecen en Galicia por riba da media do Estado español e de Europa”, sinalou Fajardo, “e o desemprego e as persoas que non reciben xa prestación atinxen cifras insoportábeis. Neste contexto, a autodenominada Consellaría de Benestar aproba unha resolución o sete de agosto para aumentar os prezos das escolas infantís un 2,2%”. Coa decisión do departamento de Beatriz Mato, tomada coa habitual aleivosía estival deste Goberno, unha familia no limiar da pobreza deberá pagar 93 euros ao mes. “Este incremento é absolutamente inaceptábel, máis na situación actual das familias galegas”, explicou Juan Fajardo, quen lembrou que esa suba contradí o propagandístico plan de dinamización demográfica da propia Xunta.

23 oct 2013

AGE acusa á Xunta de facer uns orzamentos en que “todo baixa agás os xuros da débeda”

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) acusou á Xunta do señor Núñez dunha “práctica contábel en que todo baixa agás os xuros da débeda”. Fíxoo a través da súa viceportavoz Yolanda Díaz, quen criticou con dureza os Orzamentos que esta mañá comezaron a discutirse no Parlamento de Galicia coa comparecencia da responsábel de Facenda, Elena Muñoz. Esta apenas fixo máis que intentar reproducir a cantarela do PP sobre que o país comeza a recuperación e adobialo todo con ideoloxía tecnocrática barata. “Os únicos que gañan son os seus amigos banqueiros”, afirmou Díaz, citando ao xornalista Robert Fisk, “os novos ditadores”.

Para Alternativa Galega de Esquerda, o Goberno de Núñez parte de premisas falsas. “É falso que haxa un cambio de tendencia na economía”, asegurou Díaz, “este país está en crise e ten un Goberno incompetente, e ten a xente inserida nun bucle de dor”. A viceportavoz do grupo parlamentario advertiu á dereita de que “vai sendo tempo de que abandonen a doutrina Goebbeles e digan a verdade, estes son uns orzamentos antisociais”. Porque, para Díaz, “non pode haber crecemento económico se este non é superior ao 2%”. Todo nun contexto en que o desemprego acada o 22%. “Vostede presume de que pasaremos do 22% a un 21,7% de desemprego, pero a realidade é que no quinquenio Feijóo o número de parados medrou en 150.000”, denunciou a viceportavoz de AGE ante a conselleira do Partido Popular, “e hai 127.000 de longa duración”.
Nun apurado repaso polas liñas mestras dos Orzamentos para 2014, e percorrendo os cinco anos de Executivos do PP, Yolanda Díaz lembrou que o gasto “en termos reais” descendeu un 21% en sanidade, un 26% en educación e un 86% en vivenda. “A súa estratexia é esborrallar os sectores estratéxicos da protección pública, e para iso dótanse duns orzamentos procíclicos, xusto o contrario do que se debe facer”, argumentou. Alternativa Galega de Esquerda, a través da súa viceportavoz, esixiu, ademais, unha auditoría da débeda pública e acabou por retratar o Goberno do señor Núñez como “un goberno submiso, por aceptar os ditados de Madrid sobre financiamento, e un goberno irresponsábel na política fiscal, que sobe os impostos indirectos e baixa os directos e que amais minte ao dicir que persigue a fraude fiscal”.

22 oct 2013

ANOVA MEAÑO OPONSE Á CREACIÓN DUNHA PISTA DE PÁDEL POR CONSIDERALA INNECESARIA

O Concello de Meaño levou ao último pleno municipal un proxecto para mellorar o Parque dos Pasales. Dito proxecto inclúe a creación dunha pista de Pádel. Dende Anova temos varias apreciacións que facer: a primeira é que nun concello como Meaño parécenos totalmente ridícula a creación dunha pista dedicada a un deporte tan elitista como o Pádel. Cremos que sería moito máis interesante impulsar deportes náuticos ou acuáticos como por exemplo o piragüismo, un deporte que neste concello xa tivo presenza, pero que a deixadez do equipo de goberno no apoio ao deporte, e no coidado do noso tramo de litoral, levaron á súa desaparición. 

Chámanos a atención tamén que no proxecto para os Pasales e o paseo non figure a reparación, mellora e posta en valor da hoxe existente área de servizo de autocaravanas, unha forma de turismo cada vez máis en alza, mellorando as instalacións e a súa sinalización, para facilitar a chegada desde outros puntos do Salnés e desde a Autovía. En concordancia con isto, dende o grupo local de Anova acabamos de presentar no Concello unha proposta para que se integre no proxecto para os Pasales a mellora e promoción desta área de servizo a autocaravanas. Por outra banda, tamén nos chama á atención que falando dos Pasales e do paseo non se falara nada, nin sequera no propio pleno municipal, de solucionar o problema dos cheiros da depuradora e o estado da Ría en Dena, un obstáculo moi grande que fai que veciños e visitantes non queiran achegarse ata este parque. Todo isto parécenos que define moi ás claras a maneira de actuar da nosa alcaldesa, que ignora os veciños (mesmo á Asociación de Veciños, que ata o de agora tiña a concesión dese terreo). Ademais actúa a impulsos, sen un proxecto definido, sacando dun sitio para parchear noutro, cando o normal nun equipo de goberno competente seria desemvolver un proxecto para o Concello e logo levalo a cabo, en base aos orzamentos municipais.

Nova no Diario de Arousa