23 sept 2013

AGE abandona a comisión da corrupción pola manipulación e as imposicións do PP

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) abandonou esta mañá a denominada Comisión de estudo de medidas de prevención e erradicación da corrupción, farta da instrumentalización, da manipulación e das imposicións do Partido Popular. A viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, denuncia que a estratexia da dereita no órgano parlamentario vén dende a súa mesma constitución, cando o PP se negou a pactar o plan de traballo e ditou unilateralmente o seu. “Así entende a democracia o partido de Feijóo”, afirma Díaz, “só se apoias sen chistar o que eles propoñen”.
Alternativa esixira xusto antes de se constituír a ponencia –da que tamén se ausentou o BNG- a comparecencia na comisión de Modesto Fernández. Fernández era o xerente do PP galego no 2006. Nese ano, segundo figura nos papeis de Bárcenas -o ex tesoureiro do PP agora encarcerado-, a organización que presidía Alberto Núñez Feijóo recibiu máis dun millón de euros de empresas privadas que violaron a legalidade sobre financiamento de partidos. “O PP non quere explicar o seu presunto financiamento irregular, será porque oculta algo”, engade Díaz.
No plan de traballo que presentará AGE incidíase na necesidade de ter en conta non só os corruptos senón tamén os corruptores. No caso concreto do presunto financiamento irregular do partido de Núñez, estas serían as empresas que doaron cartos ao PP por riba do límite legal. A comisión da corrupción, coa maioría absoluta do PP, tampouco quere saber nada disto. “Unha vez máis, o PP aplica a mordaza ao Parlamento”, denuncia a viceportavoz de AGE.  

20 sept 2013

O ensino público atópase nunha situación límite

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) alertou esta mañá de que o ensino público galego atópase “nunha situación límite”. A voz de alarma dérona en rolda de prensa os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, quen avisaron, ademais, de que se non se toman medidas, “levará decenios reverter este proceso”. Os ataques da Xunta do señor Núñez ao ensino público forman parte central da súa estratexia de devaluación xeral da existencia das galegas e dos galegos. Para este curso -2013-2014- fano con durísimas medidas que cuestionan o dereito á educación pública das cativas e cativos, estabelecen o repago nos comedores escolares e precarizan –aínda máis- os empregos do profesorado pola vía de aumentar as interinidades. 

“A Xunta asegura que o curso comeza con normalidade”, afirmou Xabier Ron, “pero iso é un embuste, de non ser que entendamos por normalidade un país en que 93.000 fogares están no desemprego e o paro xuvenil afecta a máis do 50% das persoas. Cun 33% de familias en situación de exclusión, non podemos falar de normalidade”. Nese contexto, a consellaría de Educación discorre un infame decreto sobre os comedores escolares para que as familias paguen por este servizo. Cando antes o 92% dos alumnos tiñan este dereito de balde, agora unha familia en que os pais cobren 825 euros de salario cada un deberá pagar 20 euros ao mes polo comedor. Se o soldo é de 1.125 euros, a tarifa que se lles aplica será a máxima, 45 euros ao mes. “Isto é o que Feijóo chama rendas altas, nin máis nin menos”, indignouse Ramón Vázquez, quen prognosticou que ese decreto fará que moitos nenos non poidan usar o comedor.
No deseño do Goberno do PP para a escola pública todo está planificado para destruír un dereito universal que só se conseguiu logo anos e anos de loita. Por iso tamén inclúe a precarización do profesorado mediante o mecanismo de facer aumentar os interinos. Só en primaria, medraron un 30% respecto do curso pasado –de 547 a 825. Mentres financia con subvencións colexios ultrarreaccionarios que segregan o alumnado por sexo, a Consellaría de Educación pecha 15 colexios públicos –case todos no rural- e deixa os sistema  con 57 aulas menos. Iso si, concerta 40 novas aulas con empresas privadas e 18 unidades de Formación Profesional. Os recortes nos cartos públicos para axudar a mercar os libros de texto –logo de eliminar a súa gratuidade- son do 10%. “O PP está a dar pasos para aclimatar o ensino á denominada Lei Orgánica de Mellora da Calidade do Ensino [Lomce]”.
Faino tamén pola vía da españolización dos itinerarios educativos e coa redución do galego nas aulas, algo inaudito na historia da autonomía ate que o señor Núñez chegou co seu discurso contrario á lingua propia de Galicia. Aínda hoxe o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de lle dar un ultimátum á Xunta para que elimine dunha vez a enquisa sobre linguas en que fundamenta o trato discriminatorio ao galego.

Os plans do PP para escola pública descartan, a maiores, a proposta que onte defendeu AGE na correspondente comisión parlamentaria de elaboración dun plan destinado a evitar carencias nutricionais no alumnado. Estas, que mestres e orientadores cadora detectan con máis asiduidade, fan preciso que a Administración pública actúe e para non deixar, así, todo en mans da caridade. A caridade e a beneficiencia foi exactamente a resposta que Alternativa obtivo do Partido Popular á súa proposta. “O PP négase e logo aproba un plan contra a obesidade, que está directamente relacionada cos problemas nutricionais”. A creación de aulas de castigo recollida no decreto que desenvolve a lei de convivencia é outro elemento máis da brutal ofensiva da dereita contra o ensino público e galego e de calidade. “Están a someter a sociedade galega a unha purga”, concluíu Ramón Vázquez.

19 sept 2013

AGE esixe coñecer o caderno de vendas de NovaGaliciaBanco para deitar luz sobre o espolio do aforro galego

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de solicitar á comisión de investigación sobre as caixas de aforros que pida ao FROB o caderno de vendas de NovaGaliciaBanco encargado no mes de xullo á entidade BNP-Paribás. Xosé Manuel Beiras, portavoz de AGE, e Yolanda Díaz, viceportavoz, asinan un escrito (anexo) en esixen ao órgano parlamentario que incorpore o documento aos seus traballos. O caderno de vendas fixa o valor da entidade e, segundo a opinión de Beiras e Díaz, facelo público contribuiría “á defensa do interese de Galiza neste proceso de espolio do aforro galego”. 
É o señor Núñez e o seu Goberno quen están a facilitar o escurantista proceso de desintegración e venda do que un día foron as caixas de aforro galegas. “Ben por falta de vontade, ben por falta de peso político”, sinalan os autores da solicitude, “NovaGaliciaBanca non é considerada sistémica, no fondo porque Galiza non é sistémica para a política e a economía estatal. Así, o FROB non vai facer os esforzos que si se fan, por caso, con Bankia para conservar unha entidade galega de creto”.
Para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), o proceso de liquidación de NovaGaliciaBanco non pode quedar na sombra e ser unicamente coñecido polos grupos financeiros que participan na rapina. Non pode ser que os fondos de investimento e os bancos saiban do caderno de vendas e do seu contido e a cidadanía galega, que cos seus cartos pagou o rescate público da entidade, non. AGE tamén pregunta ao presidente da Xunta a que se debe o seu interese en manter ocultos estes papeis.

18 sept 2013

Beiras denuncia que os incendios son “unha desfeita ecolóxica recorrente que o poder ignorou sistematicamente”

O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, denunciou esta maña en rolda de prensa que os incendios forestais son “unha desfeita ecolóxica recorrente que o poder autonómico ignorou sistematicamente”. “É como se a catástrofe do Prestige se repetise cada ano e que os sucesivos Gobernos da Xunta non tomasen ningunha medida estratéxica, de longo alcance, ao respecto”, expuxo, antes de explicar a proposición non de lei (pnl) do seu grupo parlamentario que recupera o Ditame da Comisión non permanente para estudio da problemática dos incendios forestais aprobado polo Parlamento en 1987. Trátase dun documento que recolle 47 medidas concretas contra a problemática dos lumes. “Entre outros asuntos, inclúe a necesidade de ‘conseguir que as accións preventivas teñan cada vez máis importancia”, sinalou Beiras, “algo que, como vimos este ano, en que os traballos preventivos comezaron en xullo, segue sen se cumprir”.
As maiorías absolutas de Fraga Iribarne deixaron ese acordo unánime nun caixón. “É un exemplo de como o Partido Popular trata o traballo da oposición, desprézao e ignórao, especialmente dende a chegada de Fraga Iribarne e ate hoxe”, engadiu o portavoz de Alternativa, “e esquécese, cando se fala de alternativas, que no fondo dos arquivos deste Parlamento hai alternativas elaboradas pola oposición que nunca foron aceptadas polos gobernos do PP”. O caso do ditame de 1987 sobre os incendios non é este, xa que foi asinado por unanimidade na Cámara daquel ano.
Pero AGE vai máis alá de rescatar ese documento histórico. A través do deputado Antón Sánchez, que acompañou a Beiras na comparecencia antes os medios de comunicación, presentou outra proposición non de lei con 13 medidas para “entrar no fondo da cuestión dos lumes, algo que pasa por fixar poboación no medio rural”. Segundo Sánchez, a actitude do señor Núñez diante dos incendios redúcese a “inventar unha frase lapidaria cada día para intentar desviar a atención e eludir as súas responsabilidades”. Logo de cinco anos seguidos de Goberno, o PP de Núñez non elaborou un diagnóstico serio sobre o que acontece nos montes galegos. “Se o 45% dos lumes do Estado español prenden en Galicia, a que se debe? O señor Núñez intentou sabelo? Que medidas tomou?”, pregúntase o deputado, quen ataca a actitude do presidente da Xunta e equipáraa cun ministro do Interior que achacase as causas dun aumento de delincuencia aos delincuentes.
“O que acontece en Galicia non é casualidade”, estendeuse Antón Sánchez, “e ten que ver cun modelo forestal de baixa calidade ao servizo da industria pasteira ou cunha Xunta que non fai nada para impedir a reforestación ilegal de terras agrarias, xa denunciadas”. Entre 1987, ano do ditame do Parlamento galego ao respecto, e hoxe, 350.000 persoas abandonaron a actividade agraria. Eis unha das chaves do que sucede cada ano no monte galego. “Nos últimos anos, enfrontouse o monte coa actividade agraria, cando a súa relación sempre fora de cooperación”, concretou. Entre as medidas que AGE propón, logo de consultar con asociacións ecoloxistas, sindicatos agrarios ou mancomunidades de montes, atópanse un novo planeamento do monte a cincuenta anos vista, a profesionalización da detección e extinción de incendios ou un ordenamento territorial que fomente alternativas produtivas no rural.

17 sept 2013

Beiras advirte de que AGE seguirá a defender os cidadáns “custe o que custe”

“Non estamos dispostos a aceptar chantaxes nin do poder nin dos seus cómplices. Alternativa Galega de Esquerda vai continuar exercendo a dignidade, defendendo aos cidadáns e retroalimentando a rebelión cívica custe o que custe”. A comparecencia de prensa de Xosé Manuel Beiras, posterior á xunta de portavoces do Parlamento serviulle ao líder de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) para ofrecer unha reflexión xeral sobre “a degradación e podremia” do réxime saído da Segunda Restauración Borbónica e das súas institucións. Entre elas, a Cámara de representantes galega. E fíxoo apenas uns minutos despois de que o Partido Popular se negase, en comisión, a condenar as infames declaracións do alcalde de Baralla en que xustificaba os asasinatos franquistas e frivolizase coas vítimas do franquismo.


“Nós chegamos aquí cun contrato cos cidadáns”, explicou Beiras, “e alerta para non adquirir compromisos podres, como advertía Oskar Lafontaine, usuais neste Parlamento. Iso comporta unha actitude obxectivamente transgresora. Pero por máis exasperación que amosemos nos debates, esta non é equiparábel ao acoso e discriminación ao que estamos sometidos polo PP”. De “fascismo de novo deseño” alcumou Beiras as actitudes dunha dereita, a comandada polo señor Núñez en Galicia, que encarna o poder corrupto, ese que nin sequera acepta dar explicacións nas institucións de asuntos como o financiamento irregular do PP galego ou sobre as responsabilidades no accidente de tren de Angrois. “Iso si, logo permítense atacar a AGE por defendermos os dereitos constitucionais de catro mozas e mozos [en referencia ás independentistas condenadas pola Audiencia Nacional cunha sentenza desproporcionada e inxusta]”, engadiu o portavoz de AGE, “condenados con leis de excepción inconstitucionais, que producen indefensión e que son denunciadas por Amnistía Internacional ou Justicia y Paz”.
Perante este estado de cousas, en que a maioría parlamentaria emprega o poder lexislativo como o seu couto privado, Beiras esixiu aos órganos de dirección do Parlamento que actúen en correspondencia coa defensa dos dereitos dos representantes. “E para analizar a violencia recoméndolles un libro de Löis Vacquant, Os cárceres da miseria, sobre os procesos que conducen á transformación dun Estado social nun Estado penal”, espetou, “porque o que temos é unha maioría social asfixiada polas políticas do PP e este, no canto de procurar solucións, aplica a represión pura e dura”. O portavoz de Alternativa rematou expondo que contra a apoloxía do fascismo do PP –que na comisión parlamentaria mesmo chegou a facer burla da condición de represaliado do pai da viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz-, o seu grupo parlamentario seguirá a “defender os cidadáns, mozos e vellos, e os dereitos constitucionais de todos”

15 sept 2013

Anova proponlles ás forzas nacionalistas e de esquerda unha fronte ampla para a ruptura democrática nas eleccións europeas

A Coordinadora Nacional de Anova, reunida en Teo o 14 de setembro de 2013, acorda pular por unha fórmula de fronte ampla non excluínte para as eleccións europeas.

As vindeiras eleccións europeas poderiamos abordalas como unhas eleccións máis para representar a Galiza no Parlamento Europeo, mais Anova debe apostar por convertelas nun plebiscito do réxime ou, polo menos, nun ensaio xeral da creba democrática.
Por iso, Anova acorda:
1. Facer un chamamento a todas as forzas políticas galegas nacionalistas e da esquerda rupturista, aos movementos cívicos, para dialogar e conformar un acordo de unidade de acción electoral para as eleccións europeas baixo a fórmula dunha fronte ampla non excluínte.
2. Facer un chamamento ás organización políticas, e tamén ás plataformas e organizacións cívicas das outras nacións, para que baixo o principio do máximo respecto á autoorganización de cada unha delas, constitúan o seu suxeito político plural disposto a partillar connosco nunha coalición electoral que teña como propósito común a loita pola fin do réxime, a ruptura democrática e a democracia real.
Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova, fixo a proposta de frente ampla para as eleccións europeas, unha alianza de todas as forzas rupturistas a nivel do Estado con dous eixos: o dereito de autodeterminación das nacións e a creba do réxime da segunda restauración borbónica.




12 sept 2013

AGE denuncia a soberbia, a ignorancia e o discurso triunfalista da Xunta mentres arde o monte Pindo

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, denuncia “a soberbia, a ignorancia e o discurso triunfalista da Xunta” xusto cando está arder o monte Pindo, lugar de enorme importancia natural e símbolo nacional galego. “Sentimos raiba e indignación”, afirmou Sánchez esta mañá, “ante a soberbia e a ignorancia do señor Núñez”. “O Goberno fixo un discurso triunfalista sobre os lumes e focaliza o problema nos incendiarios”, engadiu, “que é como se o ministro de Interior descargase a responsabilidade no aumento de delincuencia nos delincuentes”. Para AGE, a política forestal da Xunta é inexistente e, polo tanto, absolutamente irresponsábel. Que haxa ou non lumes nos montes, sinala Sánchez, “depende unicamente das condicións climatolóxicas. Isto é intolerábel”.


“O único que fai o presidente é propaganda e publicidade, e a conselleira [de Medio Rural, Rosa Quintana], amosar a súa ignorancia”, explicou o deputado de Alternativa, “e ao PP só lle interesa gañar as súas batalliñas”. No debate do pasado martes, no pleno do Parlamento, a responsábel de Medio Rural “deu datos falsos e non abordou os cambios en profundidade que precisa o modelo agrario e forestal en Galicia”. Segundo Antón Sánchez, o despoboamento do rural atópase entre as causas centrais das vagas de lumes que cada ano arrasan os montes do país. “A Xunta debería comezar por facer cumprir a lei de prevención de incendios forestais”, concluíu o parlamentario de AGE, “porque hai centos de denuncias por repoboación forestal e plantacións ilegais que fican sen tramitar”.