1 oct 2013

CHARLA INFORMATIVA “A tributación dos emigrantes retornados: Problemas e solucións”

EN PORTONOVO (SANXENXO):

A Agrupación local de ANOVA no Concello de Sanxenxo vai organizar unha charla informativa sobre esta cuestión dirixida ao colectivo de emigrantes retornados.

Baixo o título A tributación dos emigrantes retornados: Problemas e solucións esta charla terá lugar o próximo mércores, día 2 de outubro, ás 20.30 Horas no Edificio Multiusos de Portonovo.

Na mesma intervirán ademáis dun membro da agrupación local, un Xestor Profesional Colexiado mercantil, Xurxo Charlín Trigo, que explicará a lexislación referente á tributación dos emigrantes e responderá as preguntas dos asistentes sobre recursos ádisposición dos afectados; e o Deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Juan Fajardo, que informará sobre as medidas propostas dende AGE no Parlamento Galego así como os acordos conseguidos ao respecto.


A asistencia á charla é libre e convídase a todas as persoas interesadas no tema a que asistan á mesma.

30 sept 2013

O auto do xuíz Aláez proba que a estafa do “AVE galego” determinou as eivas de seguridade

Feijoo e Blanco inaugurando o que chamaban  AVE galego,
 denominación  que Feijoo negaría logo do accidente de Angrois.

O auto xudicial ditado o pasado 24 de setembro polo xuíz Aláez, que instrúe o accidente do tren de Angrois, vén reforzar as reiteradas denuncias públicas de Alternativa Galega de Esquerda (AGE): o cambiazo do denominado Ave galego, en realidade un tren de velocidade alta, determinou a insuficiencia e as eivas nos sistemas de seguridade. O documento xudicial imputa, contra o criterio da fiscalía, aos dirixentes de Adif. “Foron decisións en última instancia políticas”, denuncia a maiores o deputado de Alternativa Antón Sánchez, “as que deron en que non se implantase o sistema de freado máis avanzado, o ERMTS, si previsto no proxecto de 2009”.

27 sept 2013

Anova Meaño solicita a alcaldesa, que habilite unha oficina de información para os emigrantes retornados afectados polos expedientes sancionadores da Axencia Tributaria

Todos os días podemos ver a través da prensa a situación pola que están a pasar moitos emigrantes retornados, aos que a Axencia Tributaria está notificándolles expedientes sancionadores reclamándolle cantidades pola non declaración das pensións percibidas polo traballo no extranxeiro. A cantidade crecente de plataformas de afectados que están xurdindo o longo de todo o país danos unha idea do alcance que esta collendo este asunto e tamén, do enorme grado de falta de información que hai por parte dos afectados e da cidadanía en xeral. Dende Anova rexeitamos o trato que Facenda está a ter con estas persoas, que o único que fixeron foi buscarse unha saída fora da súa terra e traballar para que agora, sen que ninguen os informase de ningunha obriga tributaria, os estean a tratar como “defraudadores”. Cun número de afectados que aumenta cada día, o conflito empeza a parecerse cada vez máis, en canto ao número, ao fraude das preferentes e obrigas subordinadas. Por iso teñen razón os afectados en demandar apoio e axuda das institucións e por iso dende ANOVA coidamos que o Concello de Meaño debe actuar xa. Diante das demandas dos afectados parece que as administracións empezan a adoptar algunha medida no seu favor,... Así, o parlamento galego acordou, por unanimidade de todos os grupos, unha proposición non de Lei pola que, entre outras cousas, instase a Xunta de Galicia a regularizar a situación dos emigrantes retornados sen consideralos defraudadores fiscais. Tamén, tendo en conta que na maioría dos casos nunca foran informados das súas obrigas, acordouse demandar a Facenda para que se habiliten períodos de pago “máis largos dos estipulados habitualmente”, que se exima do pago de sancións a aqueles que regularicen a súa situación fiscal, demandar que se revisen os convenios marco con outros países para evitar que estas situacións se repitan no futuro. Dende Anova cremos que non é suficiente. Existen moitos casos diferentes, e de acordo coa información técnica da que se dispón, hai circunstancias e moitas situacións que poderían ter unha solución administrativa mais rápida e menos dramática. Por iso entendemos que o Concello debe implicarse e tentar axudar a resolver ou facilitar os trámites aos afectados. E tamén pensamos que a “burocracia” pode retrasar moito que o acordo tomado de “instar a Xunta a colaborar co Concello.....” se faga efectivo, chegando demasiado tarde para moitos casos afectados. Por estes motivos queremos solicitar do goberno local de Meaño que teña en consideración de habilitar, de xeito urxente e con carácter temporal, unha oficina de información no noso concello, para que todos as persoas afectadas poidan cando menos recibir información é, de haber solucións administrativas, saber cales son é como actuar ou a onde dirixirse. Para máis información e asesoramento: anovameanho@gmail.com

26 sept 2013

Pola derrogación das leis e normas que fan inviábel o autoconsumo enerxético

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do deputado Antón Sánchez, esixiu esta mañá a derrogación de todas as normas e leis que fan inviábel o autoconsumo enerxético. Para iso presentou unha proposición non de lei (pnl) no pleno do Parlamento en que degraña unha serie de propostas para facilitar e impulsar o autoconsumo, a pequena produción enerxética e o progresivo incremento das enerxías renovábeis en detrimento das contaminantes. O PP negouse a aceptar as iniciativas de AGE, apoiadas polo PSdeG e polo BNG –cunha emenda.

“Nós defendemos un modelo enerxético en que as renovábeis vaian gañando

25 sept 2013

Entrevista a Xurxo Charlin en relación á situación dos pensionistas emigrantes retornados coa Axencia Tributaria

Nos últimos meses o goteo de de pensionistas que foron emigrantes sancionados pola Axencia Tributaria e constante, e aproximase, en número de afectados, o caso das preferentes. Dende Anova Salnes, mais alo das nosas iniciativas políticas, como a de solicitar nos concellos que se habiliten oficinas de información, quixemos consultar a un experto nestas cuestións. A entrevista podedes ollala premendo no seguinte enlace:

"Nas europeas Galiza debe ter presenza como tal" - Entrevista a Beiras na TVG

Nas europeas, Galiza debe ter presenza como tal e ao tempo ser ensaio xeral dun escenario de ruptura democrática do réxime.

Dixo Xosé Manuel Beiras no Bos Días da TVG que "o réxime político do Estado está putrefacto". Nese escenario, as accións concretas deben ir encamiñadas cara unha transición política.

23 sept 2013

Alternativa Galega de Esquerda esixe que o Sergas revise o contrato de Clece no hospital do Salnés



Alternativa Galega de Esquerda esixe que o Sergas revise o contrato de Clece no hospital do Salnés polos conflitos laborais da empresa. O deputado Juan Fajardo insiste en que os pregos de contratación públicos impidan acordos con compañías privadas que violan os dereitos das traballadoras e traballadores

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Juan Fajardo, vén de esixir ao Sergas que revise de contado o contrato do hospital do Salnés coa empresa Clece, publicado estes días. “Non pode ser que a Administración pública contrate con empresas privadas coñecidas por violar os dereitos laborais dos traballadores”, denuncia Fajardo, “e o caso de Clece é paradigmático, envolta en numerosos conflitos laborais. Sen ir máis lonxe, contra as traballadoras e traballadores da limpeza no hospital de Vigo”.


O parlamentario de AGE volve insistir en que os pregos de contratación da Xunta con empresas privadas deben prohibir os acordos con compañías que violen a legalidade laboral e ataquen as asalariadas e asalariados. A este respecto, Alternativa xa presentou iniciativas parlamentarias, sistematicamente rexeitadas por un Partido Popular para quen o seu modelo de relacións laborais parece ollarse no espello da escravitude.