14 oct 2013

A Xunta será cómplice dunha medida noxenta, cruel e clasista como é o repago farmaceútico en hospitais

Alternativa Galega de Esquerda manifestou o seu total rexeitamento ao repago da farmacia hospitalaria que o Goberno estatal anunciou xa que introduciría antes de final deste mesmo ano xa que se trata dunha medida noxenta, inhumana, cruel e clasista e que responde ao capitalismo máis salvaxe impulsado polo Partido Popular. Así, a deputada de AGE, Eva Solla, asegurou que “a señora Mato e o Goberno do PP teñen pensado deixar morrer á xente” en base a un falaz aforro económico que no chegará ao 0,1 por cento.

A deputada de AGE lembrou que non se trata de calquera enfermo ou enferma senón que son os máis graves, como cancros graves de próstata, de ril, de mama, leucemias, tumores cerebrais, artrite reumatoidea, hepatite C, citomegalovirus afectando así aos enfermos graves de SIDA, esclerose múltiple, e moitas máis.

Un repago do 10 por cento o que suporá pagar ata 4,20 euros por envase. Unha barbaridade coa que se converte un dereito social básico nun negocio e nun privilexio castigando unha vez máis aos mais desfavorecidos do noso país, algo que ao PP semella non lle preocupar o máis mínimo e que se ven a sumar aos recortes nas pensións, ao drama do paro, o repago nos comedores escolares, e unha longa lista de medidas contra a cidadanía do común coas que este “Goberno socializa as perdas para que paguemos entre todos e todas e privatiza os beneficios para que os cobren uns poucos”.
A deputada Eva Solla defendeu na súa intervención na Comisión de Sanidade o noxento que resulta o feito de que a mesma ministra Mato inmersa na trama Gürtel que lle financiaba con cartos públicos a súa vida privada, as súas festas ou as súas vacacións, sexa a que anuncie que lle van recortar aos que peor están, aos enfermos graves ou graves crónicos. “´É a corrupción da democracia, a podremia do réxime” lamentou.
Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda esixe ao goberno galego que amose a súa oposición a este un atentado contra a saúde dos máis febles da que a Xunta de Galicia será cómplice por apoiar esta medida que provocará a morte de xente no noso país, “pero ao Partido Popular lle da o mesmo”.

11 oct 2013

A Lei de inclusión social do PP repartirá é miseria e desesperanza

Alternativa Galega de Esquerda asegura que a Lei de inclusión para Galicia que pretende aprobar o Partido Popular é a lei da desesperanza e a miseria coa que a o goberno galego deixará morrer a milleiros de persoas que están xa por  debaixo do limiar da pobreza.

O deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo, denunciou hoxe en rolda de prensa a falla de humanidade amosada unha vez máis polos populares xa que semella “para optar a un cargo dentro do PP, é preciso deixar o alma na casa”. Esta é a única explicación para xustificar algunha das condicións recollidas nesta Lei que na súa memoria económica contempla unha achega de 0,21 céntimos diarios para as máis de 650.000 persoas que actualmente están por debaixo do limiar da pobreza en Galicia. “Habería que castigar aos responsables políticos deste tipo de decisións a vivir durante medio ano como están a obrigar a vivir a estas persoas a ver se despois seguían defendendo as mesmas teorías” explicou o deputado Juan Manuel Fajardo e engadiu que “haberá que eliminar os coches oficiais e os ambientadores que colgan dos retrovisores dos mesmos porque se ve que este espazo rela o cerebro dos nosos gobernantes que viven alleos a dramática realidade de milleiros de persoas no noso país”.

10 oct 2013

Breve crónica da última asamblea comarcal de Anova Salnés

O pasado sábado 5 de Outubro tivo lugar en Cambados unha nova asemblea comarcal de Anova Salnés.

Foi unha asemblea algo atípica, no sentido de que tiñamos un punto, o da fronte ampla, que criamos que necesitaba moito tempo para o debate, polo que reducimos a orde do día, deixando algúns puntos, como a presentación de contas (en Anova Salnés presentamos as contas en cada asemblea, para que haxa total transparencia) para outra asemblea que se celebrara proximamente.

Polo que comezamos, da man dos compañeiros Xurxo, Ricardo e Andrea,  cun resumo da situación e do traballo de Anova na comarca. Expúxose como estaba a situación dos mariñeiros afectados pola regularización, os que damos todo o noso apoio, cales foron os pasos dados dende Anova e dende AGE, e acordamos, como non podía ser doutro xeito, seguir apoiándoos dentro das nosas posibilidades, tanto dende o parlamento como  dándolles respaldo na rúa.

Tamén falamos da situación dos pensionistas que foron emigrantes, e que agora  teñen problemas con facenda. Falamos dos actos realizados, como o de Portonovo, que tivo moi boa acollida, sobre todo polo
formato, cun gran peso no aporte de información, mais aló de criterios políticos. E tivemos oportunidade de felicitar ós compañeiros de Ogrobe, que conseguiron que no pleno municipal se aprobara a apertura dunha oficina de información para os afectados por esta situación, algo que solicitamos noutros concellos da comarca sen resposta positiva. Dende logo estivemos de acordo na necesidade de seguir traballando na mesma liña, buscando aportar solucións antes que gañar rendas políticas.

Logo, da man da deputada Chelo Martinez e do membro da Coordinadora Nacional e da Comisión Permanente como Comisionado de Relacións Políticas,  Luis Eyre Dieguez, abordamos o tempo da formación dunha fronte ampla para acudir as eleccións ó Parlamento Europeo do próximo ano.  Eyre é un dos membros de ANOVA que está a participar nas xuntanzas con outras organizacións políticas ás que se lle presentou a proposta de constitución da Frente Ampla, polo cal a súa visión foinos de gran axuda.

8 oct 2013

Chelo Martínez e Antón Sánchez denuncian a pasividade de Industria perante as graves irregularidades no plan de inversións de Unión-Fenosa


Antón Sánchez e Consuelo Martínez aseguran de que se non se actúa contra á empresa estarase a incorrer nun delito de prevaricación omisiva.
Consuelo Martínez e Antón Sánchez fixeron público en rolda de prensa as irregularidades detectadas polos propios técnicos e que foron remitidas á consellería. Entre elas, o informe desfavorable ao plan anual e plurianual de investimento para o período 2012-2015 por parte de Unión –Fenosa.
Alternativa Galega de Esquerda denunciou en rolda de prensa o posible delito de prevaricación omisiva no que pode incorrer o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Bernardo Taoces, ao non actuar contra as graves irregularidades cometidas pola empresa Unión-Fenosa Distribución S.A. e que foron xa denunciadas polos técnicos do servizo da Xefatura territorial da Coruña hai máis dun ano.
Consuelo Martínez e Antón Sánchez fixeron público en rolda de prensa as irregularidades detectadas polos propios técnicos e que foron remitidas á consellería entre as que se atopa o informe desfavorable ao plan anual e plurianual

Comunicado perante a explosión no concello de Beade

Dende Anova Salnes queremos suscribir o comunicado realizado por Alternativa Galega de Esquerda perante a explosión dun artefacto no Concello de Beade. Nin tan sequera as mostras de franquismo, autoritarismo, fascismo e desprezo polo ser humano merecen o uso da violencia. Este non é o camiño da revolta cívica que dende Anova - Irmandade Nacionalista propugnamos. 
 Deixamos, a continuación, o texto de AGE: 
 Alternativa Galega de Esquerda manifesta a súa condena a todo tipo de violencia. Alternativa Galega de Esquerda, en relación á explosión rexistrada na Casa Consistorial de Beade (Ourense), quere manifestar o seu rexeitamento ao ataque perpetrado contra a Casa do Concello de Beade. Trátase dun ataque contra a casa do pobo e, xa que logo, dun acto de violencia que ataca á cidadanía, ao conxunto de vecinos e veciñas de Beade. Por todo isto, unha vez máis desde Alternativa Galega de Esquerda insiste en que condena calquera tipo de violencia sen distinción de ningún xénero.

4 oct 2013

ANOVA CONVOCA UNHA ASEMBLEA PARA PRESENTAR A PROPOSTA DE CONSTITUCIÓN DUNHA FRONTE AMPLA PARA AS ELEICIÓNS EUROPEAS 2014

Será o sábado, 5 de Outubro as 18.00 H. en Exposalnés – Cambados, e na mesma participará o Comisionado nacional de Relacións Políticas de ANOVA, Luis Eyre Dieguez

As agrupacións locais de ANOVA Irmandade Nacionalista do Salnés teñen convocada para este sábado unha Asemblea coa finalidade de presentar a proposta de configuración dunha Frente Ampla de cara as próximas eleicións ao parlamento europeo do 2014.  Terá lugar as 18.00 Horas no Edificio Exposalnés – Cambados e como todas as asambleas de ANOVA será aberta non só a militantes e simpatizantes, senón a todas aquelas persoas as que lles interese coñecer a proposta ou aportar o seu grao de area para colaborar nunha alternativa política e social contra as políticas dos gobernos actuais.

Para a presentación da proposta aprobada pola Coordinadora Nacional de ANOVA participará na Asemblea, Chelo Martinez, deputada de A.G.E., e Luis Eyre Dieguez, Membro da Dirección Permanente Nacional e Comisionado de Relacións Políticas.  Eyre e un dos membros de ANOVA que está a participar nas xuntanzas con outras organizacións políticas as que se lle presentou a proposta de constitución da Frente Ampla.

Como se explicita na proposta aprobada (preme aqui) a Frente Ampla pretende ir incluso máis ala do obxectivo de conseguir representación no parlamento europeo, senón tamén ter a oportunidade de intervir e incidir no proceso de fin de réxime cara a un novo ciclo político que está a ser propiciado polo activismo da cidadanía.

A crise económica e os seus efectos sobre as maiorías sociais pola xestión que daquela se está a facer; o desemprego e os recortes en dereitos e liberdades sociais; a situación da UE secuestrada por institucións "tecnocráticas"; a posibilidade da fin do réxime nacido da transición, e os efectos que todo iso ten nunha Xunta de Galicia e demais institucións autonómicas cada volta máis inservíbeis para a cidadanía galega, reclaman que traballemos combinadamente en todos eses ámbitos.

ANOVA mantivo dende a súa creación unha aposta nídia pola unidade de acción tanto das forzas nacionalistas como da esquerda e dos movementos cívicos. Esa aposta e a que lugar por exemplo nas últimas eleicións a coalición eleitoral Alternativa Galega de Esquerdas.  O que se pretende agora e impulsar un proceso de creación dunha Fronte Ampla nunha primeira instancia a nivel da nación galega como suxeito político soberano, e posteriormente traballar para a constitución dunha plataforma integrada por forzas similares do resto do estado español. Isto concretouse nun acordo que se resume nos dous puntos seguintes:


1. Facer un chamamento a todas as forzas políticas galegas nacionalistas e da esquerda rupturista, aos movementos cívicos, para dialogar e conformar un acordo de unidade de acción electoral para as eleccións europeas baixo a fórmula dunha fronte ampla non excluínte.

2. Facer un chamamento ás organización políticas, e tamén ás plataformas e organizacións cívicas das outras nacións, para que baixo o principio do máximo respecto á autoorganización de cada unha delas, constitúan o seu suxeito político plural disposto a partillar connosco nunha coalición electoral que teña como propósito común a loita pola fin do réxime, a ruptura democrática e a democracia real.


OUTROS TEMAS DA ASEMBLEA COMARCAL

Os asistentes a Asemblea de ANOVA tamén terán ocasión de coñecer os posicionamentos de ANOVA – Salnés sobre diversas problemáticas de ámbito comarcal como é a situación dos emigrantes retornados, aos que a Axencia Tributaria lles está a mandar Expedientes sancionadores pola non declaración das súas pensións do extranxeiro; ou o caso dos mariñeiros propietarios de embarcacións menores con problemas para regularizar as súas embarcacións. Dende ANOVA xa manifestamos públicamente o noso apoio as demandas destes dous colectivos. 


Xa no nivel organizativo, debatirase a situación da organización a nivel comarcal e elixirase a persoa que se incorporara a Coordinadora Nacional de ANOVA en representación da área comarcal do Salnés.

1 oct 2013

CHARLA INFORMATIVA “A tributación dos emigrantes retornados: Problemas e solucións”

EN PORTONOVO (SANXENXO):

A Agrupación local de ANOVA no Concello de Sanxenxo vai organizar unha charla informativa sobre esta cuestión dirixida ao colectivo de emigrantes retornados.

Baixo o título A tributación dos emigrantes retornados: Problemas e solucións esta charla terá lugar o próximo mércores, día 2 de outubro, ás 20.30 Horas no Edificio Multiusos de Portonovo.

Na mesma intervirán ademáis dun membro da agrupación local, un Xestor Profesional Colexiado mercantil, Xurxo Charlín Trigo, que explicará a lexislación referente á tributación dos emigrantes e responderá as preguntas dos asistentes sobre recursos ádisposición dos afectados; e o Deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Juan Fajardo, que informará sobre as medidas propostas dende AGE no Parlamento Galego así como os acordos conseguidos ao respecto.


A asistencia á charla é libre e convídase a todas as persoas interesadas no tema a que asistan á mesma.