17 oct 2013

Yolanda Díaz denuncia que os recortes de Núñez significan “dramas, desafiuzamentos, paro, fame e miseria”

A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda acusa ao PP de practicar “políticas criminais”, desmonta os números embusteiros da Xunta e expón as iniciativas do seu grupo parlamentario 

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2013.- Yolanda Díaz, viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), dedicou a súa intervención esta mañá no debate de estado da nación a desmontar cifra a cifra a enorme colección de mentiras do señor Núñez. “É vostede o presidente que máis recortou o orzamento na historia de Galiza”, afirmou Díaz, “pero falar de recortes é falar de dramas, de desafiuzamentos, paro, fame e miseria. Vostede o único que sabe facer é maquillar os números”. A débeda pública triplicouse dende 2009 –cando Núñez asumiu a presidencia-, o paro dobrouse e a pobreza atinxe –segundo datos de Cáritas- a 650.000 cidadáns galegos.

A viceportavoz de Alternativa acusou ao PP comandado por Núñez de “practicar políticas criminais e mentir, a continuación, nas cifras”. “Un de cada tres parados xa non cobran prestación”, expuxo Días, “e vostedes xa nin sequera practican a caridade, non son a dereita da caridade, son a dereita da fame”. Co pano de fondo da variación do 12,9% de desempregados rexistrados en 2009 ao 22,6 no ano en curso -278.000 galegas e galegos -segundo a Enquisa de Poboación Activa-, as accións da dereita encarnada polo Partido Popular cóntanse por ataques furibundos contra as maiorías sociais e as traballadoras e traballadores deste país. “Retire o decreto dos comedores e dedique cartos ao ensino público”, clamou Díaz, “e supriman paseniñamente, fíxese que digo paseniñamente, os concertos con colexios privados”. AGE presentou resolucións ao respecto de todas estas cuestións, sistematicamente rexeitadas polos conservadores.

16 oct 2013

Propostas de resolución de AGE para o debate do estado da nación

Alternativa Galega de Esquerda expón nas resolucións do debate do estado da nación a súa alternativa as políticas agresoras do PP.

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) rexistrou esta mañá ás súas propostas de resolución no debate do estado da nación. Nelas, o grupo parlamentar vertebra a súa alternativa ao Goberno do Partido Popular e ás súas políticas austericidas e agresoras coa cidadanía do común. As propostas céntranse nos problemas reais dos cidadáns e atópanse lonxe das accións de maquillaxe e das medidas publicistas anunciadas polo señor Núñez no seu discurso de onte. O voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, e a vicevoceira, Yolanda Díaz, acompañados polos deputados do grupo parlamentar, salientaron en rolda de prensa que as propostas de Alternativa recollen medidas orientadas a resolver os problemas da cidadanía e a rematar coas agresións da Xunta. 

Yolanda Díaz encargouse de presentar as liñas fundamentais nas que se centran as propostas. Entre outras, a suspensión da taxa anunciada pola Xunta para os hidrocarburos -o chamado céntimo sanitario-, xa se tratase dunha “indecencia gravar a cidadanía con impostos indirectos”. Ou evitar a liquidación final do sistema financeiro galego, que se pretende consumar coa venda de Novagaliciabanco. AGE esixe a paralización desta operación e a construción dunha banca pública a partir do mesmo. Tamén se inclúe unha serie de iniciativas en defensa dos distintos sectores industriais, con especial referencia ao naval para o que Alternativa esixe o prometido dique flotante e carga de traballo urxente. Díaz destacou que é preciso mudar de xeito radical a política económica do noso país e deixar de encher o territorio de polígonos industriais, moitos deles baleiros. Nese senso, AGE tamén defende un cambio na política de protección do patrimonio ambiental que evite a ocupación de solo rural e protexido por novos polígonos industriais. O grupo solicita, ademais, unha auditoría da débeda pública para que se explique en que se investiu e así saber a que servizos públicos foron parar os da débeda actual.


Alternativa propón a creación dunha renda básica universal contra o drama que están a padecer milleiros de familias por debaixo do limiar da pobreza. A mudanza do modelo de relacións laborais ou a elaboración dun plan estratéxico de emprego que abranga todos os sectores e inclúan apostas novas como o emprego verde é outra das propostas de resolución rexistrada. No plano medioambiental, AGE presentou diversas iniciativas nas que se pide, por caso, pular por un sistema de incineración de residuos distinto ao de Sogama; avanzar na redución das emisións das centrais térmicas de Meirama e As Pontes; loitar por unha Galiza libre de fracking; apostar por outro ferrocarril más aló do da alta velocidade ou acabar coa estafa das grandes eléctricas no noso país. 

"A cidadanía sempre remata por derribar aos tiranos". Beiras no debate do estado da nación

Xosé Manuel Beiras debuxou esta tarde o estado dunha nación, a galega, na que “cada vez hai máis cidadáns en condicións límite de existencia”. Nunha intervención de corenta minutos, o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) repasou polo miúdo as desfeitas en que a reacción, encarnada en Galicia no PP do señor Núñez, deitou a Galiza e acabou chamando á cidadanía á “reconquista das liberdades cívicas e políticas efectivas porque é a hora da soberanía popular no sentido propio da palabra”.
Perante a colección de embustes emitida esta mañá polo presidente da Xunta, que deixou a imaxe dun país inexistente e –segundo el- a piques de saír da crise, Beiras descendeu á terra. “Existen médicos e sanitarios que cualifican de ‘homicida’ a decisión de que os pacientes de enfermidades crónicas ou graves teñan que pagar polo tratamento extra hospitalario”, exemplificou, “medra a mortalidade dos vellos que non se medican polo repago, empurraron a clase labrega ao exterminio, efectúan un ataque racista e clasista contra o noso idioma”. “Carecen vostedes de sensibilidade?, son vostedes de pau?”, espetou Beiras ás bancadas do PP. Mentres, o señor Núñez comentaba entre risos as palabras do portavoz de AGE.

15 oct 2013

Beiras censura que Feijóo use as vítimas do accidente de Angrois para adobiar un discurso a anos luz da vida da xente


"Hai que ter o estómago de caucho para utilizar as vítimas, os veciños de Angrois, os maltratados traballadores da función pública ou aos voluntarios para parasitar unha traxedia da que eles mesmos foron responsábeis". Para Xosé Manuel Beiras o discurso de Alberto Núñez Feijóo no debate de estado da nación caracterizouse, sobre todo, por "quedar descualificado no ámbito da ética máis elemental".
"Os seus colegas, que ocupan altísimo cargos, foron directamente responsábeis do que sucedeu en Angrois", engadiu, " e cuñados de 'terroristas' non polo Beiras, senón por unha deputada do PP que ía no tren". O señor Núñez apelou, coa habitual falta de escrúpulos que amosa, a un presunto "espírito de Angrois" para intentar desactivar o traballo da oposición.
Logo de case dúas horas dunha intervención baseada na mentira e no cinismo, o único que quedou claro é que Núñez vive nunha realidade paralela. Ou que di que vive nunha realidade paralela. "Se prestastes atención", dirixiuse Beiras aos medios de comunicación ao remate do discurso do presidente da Xunta, "un pensaría que estabamos diante dunha persoa que estaba a facer o seu discurso de investidura. Pois ben, se quere facelo, que convoque eleccións".
Segundo Núñez, no seu discurso triunfalista e alienado, a anos luz da vida da xente, Galiza "achégase á saída da crise". Ese país que non existe e esa noxenta apoloxía das políticas de austeridade que levan Europa ao abismo social e económico serán contestadas por Alternativa Galega de Esquerda. E xa o están a ser nas rúas, nas fábricas, nos centros de traballo, nos movementos sociais, nos sindicatos, en todos os segmentos da cidadanía non resignada que esta mañá, ao escoitar a Núñez, só puideron sentir unha profunda náusea.

Ás 16 h comeza a quenda dos grupos da oposición no #debate2013, falará Xosé Manuel Beiras sobre as cinco menos vinte, que o podes ver en directo no seguinte enlace. Deixamovos a varloración do dedebate do Estado da Autonomia feita por Xosé Manuel Beiras

14 oct 2013

A Xunta será cómplice dunha medida noxenta, cruel e clasista como é o repago farmaceútico en hospitais

Alternativa Galega de Esquerda manifestou o seu total rexeitamento ao repago da farmacia hospitalaria que o Goberno estatal anunciou xa que introduciría antes de final deste mesmo ano xa que se trata dunha medida noxenta, inhumana, cruel e clasista e que responde ao capitalismo máis salvaxe impulsado polo Partido Popular. Así, a deputada de AGE, Eva Solla, asegurou que “a señora Mato e o Goberno do PP teñen pensado deixar morrer á xente” en base a un falaz aforro económico que no chegará ao 0,1 por cento.

A deputada de AGE lembrou que non se trata de calquera enfermo ou enferma senón que son os máis graves, como cancros graves de próstata, de ril, de mama, leucemias, tumores cerebrais, artrite reumatoidea, hepatite C, citomegalovirus afectando así aos enfermos graves de SIDA, esclerose múltiple, e moitas máis.

Un repago do 10 por cento o que suporá pagar ata 4,20 euros por envase. Unha barbaridade coa que se converte un dereito social básico nun negocio e nun privilexio castigando unha vez máis aos mais desfavorecidos do noso país, algo que ao PP semella non lle preocupar o máis mínimo e que se ven a sumar aos recortes nas pensións, ao drama do paro, o repago nos comedores escolares, e unha longa lista de medidas contra a cidadanía do común coas que este “Goberno socializa as perdas para que paguemos entre todos e todas e privatiza os beneficios para que os cobren uns poucos”.
A deputada Eva Solla defendeu na súa intervención na Comisión de Sanidade o noxento que resulta o feito de que a mesma ministra Mato inmersa na trama Gürtel que lle financiaba con cartos públicos a súa vida privada, as súas festas ou as súas vacacións, sexa a que anuncie que lle van recortar aos que peor están, aos enfermos graves ou graves crónicos. “´É a corrupción da democracia, a podremia do réxime” lamentou.
Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda esixe ao goberno galego que amose a súa oposición a este un atentado contra a saúde dos máis febles da que a Xunta de Galicia será cómplice por apoiar esta medida que provocará a morte de xente no noso país, “pero ao Partido Popular lle da o mesmo”.

11 oct 2013

A Lei de inclusión social do PP repartirá é miseria e desesperanza

Alternativa Galega de Esquerda asegura que a Lei de inclusión para Galicia que pretende aprobar o Partido Popular é a lei da desesperanza e a miseria coa que a o goberno galego deixará morrer a milleiros de persoas que están xa por  debaixo do limiar da pobreza.

O deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo, denunciou hoxe en rolda de prensa a falla de humanidade amosada unha vez máis polos populares xa que semella “para optar a un cargo dentro do PP, é preciso deixar o alma na casa”. Esta é a única explicación para xustificar algunha das condicións recollidas nesta Lei que na súa memoria económica contempla unha achega de 0,21 céntimos diarios para as máis de 650.000 persoas que actualmente están por debaixo do limiar da pobreza en Galicia. “Habería que castigar aos responsables políticos deste tipo de decisións a vivir durante medio ano como están a obrigar a vivir a estas persoas a ver se despois seguían defendendo as mesmas teorías” explicou o deputado Juan Manuel Fajardo e engadiu que “haberá que eliminar os coches oficiais e os ambientadores que colgan dos retrovisores dos mesmos porque se ve que este espazo rela o cerebro dos nosos gobernantes que viven alleos a dramática realidade de milleiros de persoas no noso país”.

10 oct 2013

Breve crónica da última asamblea comarcal de Anova Salnés

O pasado sábado 5 de Outubro tivo lugar en Cambados unha nova asemblea comarcal de Anova Salnés.

Foi unha asemblea algo atípica, no sentido de que tiñamos un punto, o da fronte ampla, que criamos que necesitaba moito tempo para o debate, polo que reducimos a orde do día, deixando algúns puntos, como a presentación de contas (en Anova Salnés presentamos as contas en cada asemblea, para que haxa total transparencia) para outra asemblea que se celebrara proximamente.

Polo que comezamos, da man dos compañeiros Xurxo, Ricardo e Andrea,  cun resumo da situación e do traballo de Anova na comarca. Expúxose como estaba a situación dos mariñeiros afectados pola regularización, os que damos todo o noso apoio, cales foron os pasos dados dende Anova e dende AGE, e acordamos, como non podía ser doutro xeito, seguir apoiándoos dentro das nosas posibilidades, tanto dende o parlamento como  dándolles respaldo na rúa.

Tamén falamos da situación dos pensionistas que foron emigrantes, e que agora  teñen problemas con facenda. Falamos dos actos realizados, como o de Portonovo, que tivo moi boa acollida, sobre todo polo
formato, cun gran peso no aporte de información, mais aló de criterios políticos. E tivemos oportunidade de felicitar ós compañeiros de Ogrobe, que conseguiron que no pleno municipal se aprobara a apertura dunha oficina de información para os afectados por esta situación, algo que solicitamos noutros concellos da comarca sen resposta positiva. Dende logo estivemos de acordo na necesidade de seguir traballando na mesma liña, buscando aportar solucións antes que gañar rendas políticas.

Logo, da man da deputada Chelo Martinez e do membro da Coordinadora Nacional e da Comisión Permanente como Comisionado de Relacións Políticas,  Luis Eyre Dieguez, abordamos o tempo da formación dunha fronte ampla para acudir as eleccións ó Parlamento Europeo do próximo ano.  Eyre é un dos membros de ANOVA que está a participar nas xuntanzas con outras organizacións políticas ás que se lle presentou a proposta de constitución da Frente Ampla, polo cal a súa visión foinos de gran axuda.